As Letras Galegas 2025: unha homenaxe á nosa voz colectiva

Este ano, o Día das Letras Galegas é máis especial ca nunca. Por primeira vez, a Real Academia Galega dedica esta celebración á poesía popular oral, aquela que se foi transmitindo de xeración en xeración grazas á nosa música e á forza das voces das mulleres.
Desde Afundación, sumámonos a esta homenaxe cunha programación centrada nas cantareiras, verdadeiras gardiás da nosa tradición oral.
A través das figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica), recoñecemos o labor das mulleres que mantiveron viva a lingua, a memoria e o ritmo da nosa identidade.
ACTIVIDADES EN LIÑA PARA TODOS OS PÚBLICOS
Conto sobre Cantareiras: para nenas e nenos de 3 a 6 anos.
Xogo interactivo: para rapazada de 6 a 12 anos e de 12 a 16 anos, con distintos niveis de dificultade.
Xogo para persoas adultas: unha proposta lúdica e cultural para aprender xogando.
Non perdas os contidos especiais nas redes sociais de Afundación, onde iremos compartindo vídeos, entrevistas e moito máis sobre o universo das cantareiras.
